Monday 29 de April de 2024

O Concello de Lousame abre do 7 ao o 10 de xuño as inscricións do programa ‘Lousame Concilia’


As familias poderán optar por anotar ás crianzas para os dous meses, a razón de 15 euros aomes, ou tamén por días soltos

O Concello de Lousame abre dende o luns 7 de xuño ata o vindeiro 10 de xuño o prazo de inscrición no programa ’Lousame Concilia. Ludoteca de Verán 2021’, unha iniciativa para a conciliación da vida familiar e laboral que terá lugar durante os meses de xullo e agosto. A Ludoteca de Verán está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade, que desfrutarán de divertidas actividades nas instalacións do CPI Cernadas de Castro, en horario de 9:30 a 14:30 horas. As inscricións deben realizarse no Rexistro Municipal e o número de prazas vaise adaptar aos límites establecidos na normativa vixente fronte á Covid-19.

A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, explica que “dende o Concello de Lousame somos conscientes da necesidade de seguir mantendo as iniciativas de conciliación da vida familiar e laboral, polo que tendo en conta todas as medidas de seguridade da Covid-19, un ano máis presentamos o ‘Lousame Concilia de Verán. Ao longo do tempo, a iniciativa veuse consolidando a través dunha ampla demanda por parte das familias”.

Os prezos non varían con respecto a anos anteriores. No caso das familias que opten pola inscrición para todo o verán, o prezo será de 15 euros/mes. Para anotarse só terán que descargar e cumprimentar a solicitude correspondente, que poden recoller nos Servizos Sociais de Lousame ou descargar na web municipal (www.concellodelousame.gal). Ademais de presentar a última nómina ou recibo de autónomos (para acreditar a situación laboral e ingresos) e a certificación bancaria orixinal do número de conta (no caso de menores que este curso non asistiran a ningún servizo do Lousame Concilia), tamén será necesario presentar declaración xurada de residencia efectiva e acreditable en Lousame e certificado de monoparentalidade emitido pola Xunta de Galicia, de ser o caso.

No caso das familias interesadas en que o seu fillo ou filla participe en días soltos, só terán que chamar ao teléfono 616 345 812, sempre e cando haxa prazas libres. Neste caso, o prezo é de 2,5 euros por día. Máis información nos Servizos Sociais de Lousame ou nos teléfonos 981 820 494 e 689 126 385.

Baremo de admisión

No caso de haber máis demanda que prazas, aplicarase un baremo para a admisión no que os nenos/as empadroados/as e con residencia efectiva e acreditable no municipio recibirán 3 puntos e aqueles que teñan a ambos proxenitores traballando recibirán 2 puntos (ou un proxenitor no caso de familias monoparentais). Finalmente, outorgarase 1 punto aos menores que teñan a un dos proxenitores empregados e aos que non superen os ingresos establecidos para a situación socioeconómica familiar. En caso de empate, aplicarase o criterio da orde de inscrición, seguindo o número de entrada da solicitude no Rexistro Municipal. As solicitudes que non obteñan praza pasarán á lista de espera.
Lousame Concilia está organizado pola Concellería de Igualdade de Lousame e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo.